A carne en relación coa saúde

Introdución
A carne ocupa un papel protagonista na evolución da dieta humana. O ser humano é omnívoro, pero a caza doutros animais marcou a súa supervivencia. Só cando consegue garantir a provisión de carne convértese en agricultor e gandeiro. Antes, a vida nómade estaba condicionada pola procura de auga e de mandas. De feito, o líder das tribos era quen máis pezas capturaba. Aínda prevalece este valor simbólico, mesmo social, porque o acceso á carne mantense como característica do poder económico das familias e dos pobos. Non é casual que se siga consumindo en grandes cantidades, aínda que non sexa un alimento indispensable na dieta, sobre todo nos países desenvolvidos.
No noso país, o gasto en carnes, segundo datos de 2005, está á cabeza no consumo total de alimentos. Isto demostra que España foi, e segue sendo, un país eminentemente carnívoro. Os expertos, a tenor dos datos, insisten na necesidade de reducir a súa presenza na dieta. As estatísticas revelan que a media de consumo por persoa e día alcanza os 140 gramos, cando o desexable é que as carnes se inxiran entre 3 e 4 veces por semana, sen exceder os 120 gramos por ración. Desta forma, a carne integra as súas propiedades gustativas e nutritivas no contexto dunha dieta equilibrada.
